Galicia

Galicia / FLORES DE PAPEL

Caín en soños

Lembro ben o día no que Saramago foi escollido polas intermitencias da morte, porque eu viña de facer as paces cunha muller, á que lle dei, para mostra, unha herba de namorar.

Día 02/09/2010
Cóntolle a Mario o meu soño. A súa resposta traslada a Chuang Tse á linguaxe cinematográfica: «Quizais todo isto sexa o soño dunha bolboreta». Pregúntolle se foi ver Orixe (Inception) e dime que si. Claro, é tan cinéfilo que xa se metamorfoseou nun cineferido. As nosas conversas, incluso se son telefónicas, sempre derivan nos filmes que han perderse, como soños, na memoria (para min el sempre é Casablanca). Despois volve ao seu cuarto, onde Eva aínda dorme.
Subimos ao coche para ir ao centro, á feira do libro. Polas fiestras entra o olor que cobre como un manto de néboa esta parte da cidade, cheirume animal a touros e cabalos (suor, bravío, excremento). Quixera agora o cheiro a barrís de viño da tasca onde estivemos bebendo os tres a noite anterior. Naquela mesa vulgar, sobre o piso de cemento cuberto de serraduras, Eva e Mario relucían como vagalumes na escuridade. Eramos alí os máis novos. Rememoramos a situación inversa: o día no que diante duns gin-tonics, Mario e mais eu eramos os máis vellos dun local de copas que frecuento desde os tempos do instituto.
Nas casetas da feira campan alegremente as obras de Saramago. Este verán Mario regaloume Caim, o mesmo día que tivemos un remedo de enfado durante unha breve conversa telefónica. Cando colguei era Caín. Para acelerar a paz, que chegaría tamén por teléfono aos poucos días, lin dunha tacada a novela.
Lembro ben o día no que Saramago foi escollido polas intermitencias da morte, porque eu viña de facer as paces cunha muller, á que lle dei, para mostra, unha herba de namorar. Aquela noite acudín con dous amigos ao faro de Fisterra. Baixo a luz da lúa, as augas perfilaban o lombo gris dunha inmensa besta durmida. En fronte nosa o océano semellaba unha balsa de cemento. Se mirásemos atrás, en vez do faro, quizais veriamos a Torre de Babel, a incomprensión máis absoluta que só a amizade dirime. De volta ao coche camiñamos na escuridade. Coa luz do móbil certifiquei que as plantas que pisabamos eran herba de namorar. Pasaron uns días e caín outra vez. Cando a chamo non colle o teléfono. Talvez Mario queira telefonarme cando lea isto.
Búsquedas relacionadas
  • Compartir
  • mas
  • Imprimir
publicidad
Consulta toda la programación de TV programacion de TV La Guía TV

Comentarios:

Sigue abcdesevilla en...

Lo ?ltimo...

Copyright © ABC Periódico Electrónico S.L.U.