Galicia

Galicia / DO 17 AO 20 DE OUTUBRO

Este luns arranca en Santiago a mostra de Artes Escénicas

Compartir

Día 15/10/2011

A Mostra de Artes Escénicas de Galicia exhibirá do 17 ao 20 de outubro en Santiago de Compostela un total de 25 espectáculos baixo dúas modalidades de representación (formato completo e showcase) desde tres espazos da cidade. Serán catro días de escenificacións durante os que o Salón Teatro, a SGAE/Fundación Autor e o Teatro Principal recibirán a preto de cincuenta programadores e axentes culturais galegos, ademais do público xeral que poderá acceder de balde ás funcións de teatro, danza, maxia e novo circo mediante as que se reflectirá a variedade de xéneros e estilos da oferta escénica do país.

A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo organiza este evento, que debido ás restricións orzamentarias substitúe este ano á Feira Galega das Artes Escénicas, «pero mantén o obxectivo esencial de dar a coñecer anualmente aos profesionais unha escolma da mellor produción actual, a través dunha completa carteleira integrada polas propostas seleccionadas por un comité nomeado ao efecto», explicaron fontes da organización.

Acceso libre e gratuíto

Das 25 montaxes en exhibición, 11 representaranse no seu formato completo. Sete delas corresponden a teatro de adulto («Citizen», de Chévere; «Unha hora na vida de Stefan Zweig», de Lagarta lagarta; «Pelos na lingua», de Talía Teatro; «E.R.» (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico; «Último cowboy», de Teatro do Noroeste; e «Tango», de Sarabela Teatro) e catro a teatro infantil («Valados», de Artestudio Teatro; «Pío», de Caramuxo Teatro; «Nana para un soldado», de Ghazafelhos; e «Malas palabras», do grupo Katarsis, Educación e Teatro).

Ademais dos profesionais acreditados, que teñen reservadas as súas localidades para todos os espectáculos que soliciten, o público xeral tamén pode acceder de xeito gratuíto ás montaxes, sempre en función do aforo dispoñible. Os espectadores poderán retirar as súas entradas nas billeteiras do espazos correspondentes, que abrirán unha hora antes do comezo de cada función durante as tres xornadas que durará a mostra na capital galega.

  • Compartir

publicidad
Consulta toda la programación de TV programacion de TV La Guía TV

Comentarios:

Sigue abcdesevilla en...

Lo ?ltimo...

Copyright © ABC Periódico Electrónico S.L.U.