Galicia

España

Galicia

A peza teatral «A ópera dos tres reás» arrasa con oito candidaturas

Compartir

Esta peza, do CDG, foi aplaudida por máis de 20.000 espectadoresOs gañadores saberanse o 3 de abril

Día 02/03/2012

O espectáculo «A ópera dos tres reás», un proxecto teatral impulsado polo Centro Dramático Galego, fíxose onte con oito das trece candidaturas que estaban en xogo de cara á cerimonia de entrega dos prestixiosos premios María Casares. Os profesionais da Asociación de Actores e Actrices de Galicia recoñecen así a calidade dunha produción que entre xuño e outubro de 2011 foi vista por preto de 20.000 persoas e que agora competirá nas categorías de mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, escenografía, adaptación, iluminación, vestiario e maquillaxe. A súa principal contrincante no podium de galardoados será a peza «Citizen Total», de Chévere, que a iguala en número de candidaturas e que tamén tivo un importante tirón entre o público.

A cerimonia e festa de proclamación dos nomeados tivo lugar a última hora da tarde de onte no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames), onde se deron cita destacados nomes da escena galega. Durante o evento déronse a coñecer os nomes dos once espectáculos (dos trinta que se presentaban) que contan con nomeados para os galardóns que entrega a AAA e que recaeron sobre as pezas «Oeste Solitario», de Producións Teatrais Excéntricas, que acadou 6 nomeamentos; «E. R. Algún día traballaremos xuntas», do Teatro do Atlántico, con 4 nomeamentos e «O Florido Pénsil», de Eme2 emoción e arte; «Tango», de Sarabela Teatro; e máis «Piratas», de Teatro do Noroeste, que conseguiron 3 candidatiras cada unha.

Por detrás da lista encóntranse a produción «Pelos na Lingua», de Talía Teatro, que logrou dous postos de finalistas e, por último, «American Café», de Teatro do Morcego; «Soños», de Bichakadela; e «0,7% Molotov», de Teatro de Ningures, que contarán cun nomeamento de finalista para a Gala dos Premios María Casares. O nome dos gañadores e a entrega de galardóns desta XVI edición dos María Casares terá lugar o vindeiro 3 de abril no teatro Rosalía de Castro da capital herculina e será retransmitida pola TVG.

En total, 261 candidaturas dos profesionais das artes escénicas e audiovisuais serán as aspirantes nalgunha das 13 categorías dos María Casares.

  • Compartir

publicidad
Consulta toda la programación de TV programacion de TV La Guía TV

Comentarios:

Sigue abcdesevilla en...

Lo ?ltimo...

Copyright © ABC Periódico Electrónico S.L.U.