A Xunta é consciente do valor estratéxico do libro para a expresión do dereito á creación e para a promoción e divulgación da cultura. Neste sentido, a Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia vén de acordar a creación do Primeiro Premio Libreiro Cultural Galego. Esta distinción contribuirá ao recoñecemento público daquelas librerías que durante o ano 2011 se caractericen pola realización dunha tarefa continuada de dinamización cultural e da difusión do libro e da lectura, cunha atención especial á promoción e difusión do libro galego, dentro e fóra do espazo físico da librería.
Deste xeito, o executivo galego recoñece á librería como un axente cultural activo indispensable para que a industria do libro manteña a súa pluralidade e creatividade e para a consolidación do tecido cultural da sociedade. Segundo o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, este Primeiro Premio Libreiro Cultural Galego «trata de premiar a aquela librería de Galicia que se distinguise por fomentar a difusión do libro galego». A este respecto, Francisco López une a creación do Premio Libreiro Cultural coa liña de apoio «á promoción do libro galego», que para a Consellería de Cultura e Turismo representa «unha das claves da posta en valor do libro galego».
Nesta liña de actuación, a Xunta de Galicia convida a todos os galegos a participar nas actividades de promoción e de difusión do libro galego programadas para conmemorar o Día Internacional do Libro. Estas actividades, tradicionalmente celebradas o 23 de abril, trasládanse este ano ao vindeiro mércores 27 por mor da coincidencia coa Semana Santa. Nesa xornada, a Xunta publicará unha declaración institucional co obxectivo de amosar o compromiso incondicional do Goberno galego coa nosa literatura escrita e a industria cultural galega. Para o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos esta declaración institucional certificará «o compromiso e o apoio ao libro como sector estratéxico da nosa sociedade».
Agasallo
No transcurso da xornada do día 27, a Consellería de Cultura e Turismo fará entrega dun libro a todas aquelas persoas que se acheguen á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia. «Ese día imos distribuír gratuitamente 3.000 exemplares de todos os xéneros literarios e que forman parte da adquisición de novidades dos últimos anos», sinala o director xeral. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participará na celebración destes actos e realizará a lectura da declaración institucional no complexo do monte Gaiás.
Por outra banda, a Consellería de Cultura e Turismo participa no programa «Lee, escribe, entrena tu mente!» de promoción e fomento da lectura organizado pola Liga Nacional de Fútbol Sala.







