No marco do ano adicado á figura do escritor Álvaro Cunqueiro, o director de cinema Antón Dobao embárcase nunha aventura propia do xenio mindoniense para sacar adiante a cinta «Sinbad». Baseada na obra «Se o vello Sinbad volvese ás illas», este traballo que conta co apoio de Ficción producciones, recreará a personaxe de Simbad, un fabulador que fai participar aos seus interlocutores das experiencias das súas viaxes pasadas, acontecesen éstas no mundo real ou nun universo ficticio e de fantasía.
E é que o importante é a conversa e a maxia coa que este lobo de mar conecta con quen o escoita, transmitíndolle os seus coñecementos sobre as estrelas, a navegación ou os mapas que conserva. Neste senso terá un papel moi importante a filla do taberneiro, unha pequena que se converterá en espectadora de excepción das palabras de Sinbad.
A rodaxe, que comezou onte en Corrubedo, realizarase en distintas localizacións da xeografía galega como Palmeira, o faro de Corrubedo ou o Porto. A casa do vello Simbad e dos seus compañeiros de viaxe emprazaranse tamén en pobos costeiros, gardando as máximas similitudes coa figura ideada por Cunqueiro. A propósito da gravación das esceas, o director da cinta adiantou que o mar terá un papel fundamental en todas e cada unha delas.
Está previsto que a rodaxe da cinta se prolongue durante catro semanas e finalice o próximo catro de xuño. Segundo explicaron os productores da longametraxe, a última semana o equipo trasladarase do litoral ao interior galego para gravar en localizacións emblemáticas como as rúas de Santiago ou o Seminario Menor.
Protagonizado polo actor Manuel Olveira «Pico», que xa lle dera vida a Simbad nunha obra de teatro, este filme converteráse nunha das entregas do ciclo Un mundo de historiasda televisión autonómica, aínda que o seu director non descarta que tamén se proxecte en salas comerciais.
O Ano Cunqueiro
Co gallo da celebración do Ano Cunqueiro, diferentes entes tanto privados como públicos idearon unha rede de actividades que buscan ensalzar a figura dun dos novelistas galegos máis internacionais. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, quen apuntou que o obxectivo deste ano non é outro que o de «difundir o seu gran legado literario para que Ulises, Merlín, Hamlet y Simbad, non sexan vistos baixo as lentes únicas de Don Álvaro e sigan sendo novos».
O programa de actos e actividades levou a obra de Cunqueiro máis aló das fronteiras galegas, rememorando os seus escritos en cidades como Madrid ou Barcelona, que acolleron actos literarios adicados a él. A rede galega de Teatros tamén lle rendiu a súa particular homenaxe, coa montaxe da peza «O incerto señor don Hamlet» na versión de Sarabela. Para os próximos meses, está previsto que se leve a cabo un recital coordinado por Luís G. Tosar, que lembrará en Santiago o 15 de xuño a súa obra poética. O peche será, como marca a tradición, na vila que o veu nacer, Mondoñedo.