En Vídeo
En imágenes
Edición impresa
Case 4 de cada 10 rapaces de entre 15 e 29 anos utiliza a lingua de Rosalía, mais a porcentaxe segue sendo baixa
Día 09/08/2011
O aumento é de catro puntos porcentuais, ao respecto dos usos lingüísticos recollidos nun estudo semellante elaborado no 2007. Desta volta, segundo o informe «Xuventude Galega 2010», que vén de presentar a dirección xeral do ramo dependente da Consellería de Traballo, o 38,6% da mocidade de entre 15 e 29 anos di empregar o galego. É dicir, 4 de cada 10 consultados. No referente ao castelán, o seu uso sitúase nun 59,9%, é dicir, 5,4 puntos menos que na estadística de hai catro anos. Un 8,9 utiliza un ou outro idioma, dependendo; un 0,2 emprega outras linguas, e un 1,3 non achegou información. Este documento válese dun estudo realizado pola Universidade de Santiago a partires de 1.200 enquisas presenciais a mozos con idades comprendidas na franxa citada.
O traballo sociolóxico inclúe unha pregunta relativa á lingua empregada habitualmente en once situacións diferentes da vida cotiá, centradas na relación entre os máis próximos, en diferentes ámbitos sociais, actividades funcionais de carácter diario tanto orais como escritas, así como intercambios orais espontáneos. Os resultados amosan que os temas ou situacións máis favorables para o uso do galego son os vinculados coa relación cos máis achegados. Pola contra, redúcese naqueles supostos nos que se vincula cos usos escritos, e tamén no contacto con persoas descoñecidas.
O uso favorable do galego no eido da familia por parte deste grupo tamén se constata na Enquisa de Condicións de Vida das Familias Galegas 2008, auspiciado polo Instituto de Estatística de Galicia, e que contempla preguntas sobre a lingua inicial e habitual, coñecemento, e dinámicas de mantemento e cambio de idioma. O 43% dos enquisados empregan máis o galego, ou máis galego que castelán. No traballo, o 45,5% utiliza sempre o galego ou máis galego que castelán; no campo social, o 40,5% manifesta empregar maioritariamente o galego cos amigos, comerciantes, médicos, profesorado, persoal da aministración e bancario.
Estas porcentaxes non acadan, con todo, os valores da media da poboación galega, dado que nos ámbitos mencionados, os usos lingüísticos galegófonos en xeral sitúasen no 51,8%, 48,4% e 50,7%, respectivamente. Non entanto, os mozos utilizan máis o galego no mundo das novas tecnoloxías en comparación coa media da poboación galega. Segundo os parámetros sociolingüísticos do sondeo do IGE, no tocante á lingua de preferencia para redactar mensaxes de móbil ou correos electrónicos, empregan maioritariamente o galego o 24,7% dos menores de 29 anos, tres puntos porcentuais máis que a media de Galicia, que se sitúa no 21,7.
Asimesmo, en canto á preferencia de idioma para navegar por internet, a tendencia é semellante: o 17,3% da mocidade emprega sempre ou preferentemente o galego, mentres que esta é a opción do 16,9% da poboación. Isto que confirma? Que a mocidade é un sector social prioritario para a dinamización lingüística. O galego é a lingua de maior uso social en Galicia. O 56,4% da poboación maior de 5 anos fala sempre en galego ou máis galego ca castelán, segundo se desprende do que apunta o IGE, e os que falan sempre en galego constitúen o 30% da poboación.
Malia todo, a mocidade adoita utilizar máis o castelán, daí que a Xunta se plantexe o reto de mudar esta tendencia. As franxas de idade máis novas constitúen o reto a bater, así como o sector da poboación onde se fai máis necesaria unha actuación planificada para promover o uso do idioma. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, considerou que se está a afianzar o emprego do galego entre os máis novos, e que este segmento é o sector da poboación onde se fai máis necesaria, se cabe, unha actuación planificada.