En Vídeo
En imágenes
Edición impresa
O compañeiro da gaiteira Cristina Pato fotografou a metrópoli neoiorquina
Día 03/10/2011
É un artista, metade docente e metade músico, que ten en sí a habilidade de captar momentos vitais dos habitantes da capital do mundo sen tocar sequera o seu «halo» nin alterando o natural. A vida é pura arte, cada instante que pasa contén a esencia da perfección, anque por intres o ser humano se empeñe en distorsionala de tal xeito que acabe convertíndose nun borrón do que puido ser. O potencial de cada movemento que se fai é tan grande que algunhas veces é preciso atopar unha man mestra que saiba fixalo en segundos e convertilo en imaxe. Unha mente intuitiva que capte cada momento en distintos planos.
Esa é, alomenos, a man de Juan Padrón Saco, un ourensán nado o 3 de agosto de 1969. Fotógrafo, músico, profesor e compositor, permite, a través da súa exposición de 14 fotografías das coleccións «Human City» e «Motion City» (expostas na sala ourensá de El Cercano), adentrarse na vida de Nova Iorque. O seu artífice fai, coas imaxes, un retrato da cidade, a través das persoas que se atopan nela e que a dotan de ialma. É «humana» por excelencia, anque nunca durma. As coleccións foron realizadas entre 2005 e 2009, e cumpren coas premisas predefinidas; pero, sobor de todo, fan pensar; e que un se poña no lugar do outro. O autor compaxina a súa paixón pola fotografía e as xiras de verán dos artistas cos que traballa habitualmente, coa docencia. Agora é profesor de español, entre outros lugares, no departamento de linguas da ONU.
El contou, para ABC, dende cando se adica á fotografía. «Empecei cando era un neno. O meu padriño, o fotoxornalista Enrique Reza, regaloume a primeira ampliadora, e o material necesario para empezar a revelar; ao mesmo tempo, permitíame estar con el no laboratorio e aprender do seu traballo. Hai uns vinte anos comecei no mundo da música, e de maneira natural fun unindo as miñas dúas vocacións. Comecei fotografando aos artistas cos que colaboraba», contou. Entre eles, non esqueceu á súa parella. «Por suposto, á miña muller, Cristina Pato. E case sen darme conta, o meu traballo como fotógrafo en xira gañou ao meu traballo como músico. As fotografías de artistas foron utilizadas en medios de comunicación de todo o mundo, paneis publicitarios, programas de concertos, portadas de discos... Pero o máis importante de traballar no equipo de Cristina é que me permitiu viaxar polo mundo, dende Angola á India ou Xerusalén, e por iso podo facer de maneira paralela traballos sobre o campo da música ou simplemente imaxes da vida cotiá destes lugares».
É moito o que esta faceta lle aporta, principalmente riqueza visual, cultural, e o feito de ser sempre o que observa. «O feito de traballar rodeado de artistas que son sempre observados faiche valorar moito máis a visión do fotógrafo, case invisible, que se cola e tenta retratar nada máis que o evidente», desvelou a este periódico. Sobre a influencia de estar en Nova Iorque, comentou que o ritmo frenético desta metrópoli é fascinante, «non só polo que representa visualmente, senón tamén polo que representa a nivel mundial, e o seu impacto na sociedade do tempo no que vivimos. Nalgunhas das miñas fotografías, como Rat Race, tento precisamente captar a esencia dos traballadores de Wall Street no seu día a día», matizou. «Quizais a inxente oferta cultural de Nova Iorque me axudou a seguir medrando e observando as novas correntes no mundo da arte e da fotografía, anque logo o meu traballo artístico sexa especialmente persoal», reflexionou.
Atentendo a esta mostra ourensá en concreto, afirmou que a nivel conceptual gostou de retratar o que el vía. Durante un par de anos, desprazouse pola cidade en autobús, e moitas das fotos deste proxecto están feitas dende esa perspectiva cotiá e ordinaria que tanto lle fascina da cidade. «De novo o feito de poder observar sen ser visto, permitiume fotografar esa realidade tal e como é, sen influir no comportamento das persoas ás que fotografío», argumentou.
Simplemente pretende aportar un punto de vista. «É unha cidade que foi fotografada dende todos os ángulos. Tento amosar a soidade da gran cidade, a multiculturalidade, o estrés; en xeral, trato de captar o elemento humano que, en certa maneira, fai que a cidade funcione e a dota dunha persoalidade propia». Unha das súas instantáneas predilectas e The Game, porque «amosa que as persoas poden entenderse e levarse ben». Tamén se decanta por algunhas das fotografías en movemento, como Coffe, na que se ve a unha persoa camiñando rapidamente e bebendo o seu café, sen tempo para deterse e tomalo tranquilamente, unha escea tipicamente neoiorquina.
Ollos ben abertos
Para Padrón, calquer espazo é favorito, «se tes os ollos ben abertos e a cámara no bolso. Nunca saio da casa sen ela, e non acostumo a saír da casa coa intención de fotografar, simplemente as situacións aparecen e eu trato de capturalas», confesou a este diario. A ruta desta exposición, tamén a contou. «A verdade é que estou negociando cun par de galerías, unha delas aquí en Nova Iorque, pero fíxome especial ilusión expór na miña cidade, e especialmente nun lugar tan interesante como El Cercano. Espero seguir levando os meus traballos alí», adiantou. Como se ve Galicia desde Nova Iorque? «Digamos que teño un pe aquí e outro alí, polo que nunca perdo a perspectiva. Galicia ten cousas fascinantes que Nova Iorque non tén, e viceversa; quizais esa sexa a razón pola que nin Cristina nin eu decidimos quedarnos en ningún sitio de maneira permanente», puntualizou.
E Nova Iorque coa perspectiva galega? «A morriña acompáñanos estemos onde estemos. Especialmente no gastronómico, de vez en cando imos á veciña Newark onde hai unha comunidade galega importante e surtimos a nosa despensa, xamón, chourizo, queixo...». En Facebook, dan boa proba as fotos. «Fánnos fotos, hai un pouco de todo, dende os nosos amigos ata persoas que pasan polo noso entorno, ata o que máis nos gusta facer, que é preparar as fotos como se facía antes e por o disparador automático», dixo satisfeito.