En Vídeo
En imágenes
En outubro, cinco templos galegos acollerán o ciclo «Concertos nas catedrais». Unha interesante proposta que aúna música e arquitectura
Día 06/10/2011
A catedral de Santiago de Compostela convertiuse onte en esceario da presentación do ciclo musical «Concertos nas catedrais galegas», unha iniciativa coa que o departamento de Cultura busca «abrir unha fiestra para a proxección dos novos valores da música de Galicia ao tempo que contribúe á posta en valor do noso patrimonio», segundo apuntou o conselleiro do ramo durante a presentación do programa.
Os concertos, que terán lugar entre os días 8 e 16 de outubro , desenvolveránse nas catedrais de Ourense, Tui, Santiago e Mondoñedo, e tamén na igrexa de San Pedro de Lugo. En todas as actuacións previstas, a Orquestra e o Coro Graos interpretarán «Misa de Réquiem en re menor», unha peza composta por Mozart que foi elexida como nexo de conexión por tratarse dunha composición «maiúscula e dunha beleza serena», en palabras dos organizadores.
Ademáis, os concertos que se celebrarán en Ourense (próximo sábado ás 21 horas) e en Santiago (15 de outubro ás 21.30) completaranse coa interpretación do «Concerto de clarinete e orquestra en la maior». Apoiando a interpretación da orquestra, durante o recital estarán presentes cantantes como Carmen Subrido, Nuria Lorenzo, Borja Quiza e Francisco Corujo. Tamén se espera que participe o clarinetista Antonio Suárez.
Concertos gratuítos
Este ciclo de concertos —que terán lugar «nos cinco espazos máis importantes do noso patrimonio eclesiástico», en opinión de Roberto Varela— terá carácter gratuíto xa que busca «achegar a música clásica ao público de toda Galicia, a través de encontros nas catro provincias». A iniciativa, posta en marcha en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), enmárcase dentro da conmemoración do Ano da Música de Galicia 2011. Máis información na web culturaeturismo.xunta.es.






