En Vídeo
En imágenes
Todos os fondos que custodia a Fundación do autor serán dixitalizados
Día 27/10/2011
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o presidente da Fundación Otero Pedraio, Víctor Freixanes, selaron onte un convenio de colaboración que promoverá a difusión e conservación dos fondos bibliográficos albergados na institución que leva o nome do escritor ourensano. Cun orzamento de 21.000 euros, o acordo permitirá que os expertos traballen sobre os 938 documentos que integran o legado documental do autor de Arredor de sí, co gallo de promover o seu coñecemento entre a cidadanía.
Para levar a cabo este proxecto, os profesionais encargados do proceso de categorización realizarán descricións bibliográficas de cada un dos textos, que máis tarde se reconverterán a formato Marc (rexistro catalográfico lexible por máquina) e que tamén serán dixitalizados. Así, e segundo deron a coñecer fontes do departamento de Cultura, os resultados deste proceso de descrición e dixitalización poñeranse a disposición tanto da Cidade da Cultura como da Fundación Otero Pedraio «para a súa inclusión nos fondos dixitais da Biblioteca de Galicia, ubicada no Monte Gaiás». «O obxectivo —engadiron— é favorecer a súa utilización e difusión pública, de xeito que se permita a consulta dos documentos mediante as novas tecnoloxías da comunicación».
Textos do século XVI
Será na sede da Fundación presidida por Freixanes onde se procederase á conversión a formato Marc de 136 descricións das monografías depositadas na súa biblioteca, 113 delas do século XVIII, 14 do XVII e 9 do século XVI. Entre os valiosos documentos que compoñen o legado tamén se atopan 382 publicacións periódicas, memorias e anuarios e 416 descricións das colaboracións en prensa realizadas por Ramón Otero Pedraio. Tamén pasarán a formar parte do arquivo dixital da Cidade da Cultura as monografías de fondo antigo da biblioteca do escritor, composta por catro obras do século XVI que suman un total de 2.250 páxinas.
Esta iniciativa súmase a outras levadas a cabo no marco da Biblioteca de Galicia, como o traslado ao Gaiás dos fondos da colección de Carlos Casares, unha cesión que comprende 6.000 libros e máis de 9.500 documentos.






